RECURSO DE ALZADA CONTRA A RESOLUCIÓN DO 21 DE MAIO DE 2018, DA DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO NATURAL, DUNHA SOLICITUDE DE INCLUSIÓN DUNHA FORMACIÓN DE FENTOS ARBÓREOS NO REGATO VILAR, CONCELLO DE OIA (PONTEVEDRA) NO CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS

FENTOS ANABAM

PDF do recurso>> 2do Recurso Fentos ANABAM

Texto completo:

Á: XUNTA DE GALICIA

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

San Lázaro s/n

15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA

DE: Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM)

Rúa Calvario 44

36780 A Guarda (PONTEVEDRA)

REPRESENTANTE:

XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXX

EXPEDIENTE: XXXXXXXXX

De conformidade cos artigos 121 e 122 da ley 39/2015 a Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) e na súa representación XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXX, interpoñemos

RECURSO DE ALZADA CONTRA  A RESOLUCIÓN DO 21 DE MAIO DE 2018, DA DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO NATURAL, DUNHA SOLICITUDE DE INCLUSIÓN DUNHA FORMACIÓN DE FENTOS ARBÓREOS NO REGATO VILAR, CONCELLO DE OIA (PONTEVEDRA) NO CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS (Ver Documentos adxuntos).

Adxuntamos alegacións en resposta ao seu escrito, agardando que á luz dos novos datos aportados se retome a consideración de incluír esta formación de Fentos Arbóreos, no Catálogo Galego de Árbores  Senlleiras.

 

Reciban un cordial saúdo

A Guarda a 20 de xuño de 2018

XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXX

Fronte a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 21 de maio de 2018, da solicitude para a inclusión dunha formación de fentos arbóreos no Regato Vilar, Concello de Oia (Pontevedra) no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas como representante da Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) interpoño un recurso de alzada ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A continuación apórtanse novos datos, así como unha resposta razoada a aquelas consideracións que consideramos erróneas e que a xuízo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio apoian a non inclusión dos fentos arbóreos da especie D. antarctica presentes no regato Vilar do Concello de Oia no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia.

  1. Páxina 1, ANTECEDENTES, PUNTO II – “O Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra, con data 15.11.2017, realizou unha inspección de comprobación das características das árbores, toma de fotografías e constatación do seu estado de conservación. De dita revisión de campo, obtivéronse unhas dimensións dos exemplares duns 2 m de altura máxima e 0,6 m de perímetro normal.”

Resposta: As medidas tomadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio coinciden parcialmente coas dimensións actuais aparentes dos exemplares. Sen embargo, parte do rizoma destes fentos se atopa soterrado polas pedras depositas durante as sucesivas riadas que afectaron a área dende a vaga de lumes do ano 2006 (Imaxe 1), polo que as súas dimensións reais son maiores que as sinaladas en dita revisión de campo.

Imaxe 1. Fentos arbóreos (Dicksonia antarctica) presentes no regato Vilar (Oia, Pontevedra) a 05 de xuño de 2010.

Táboa 1. Altura do rizoma (non se consideran as frondes) dos fentos da especie Dicksonia antarctica presentes no regato Vilar (Oia, Pontevedra) a 05 de xuño de 2010. Idade estimada en base ao coñecemento científico actual sobre a especie (Mueck et al., 1996; Blair et al., 2017).

Fento Altura do rizoma (cm) Idade máxima (anos) Idade mínima (anos)
1 93 186 28
2 70 140 21
3 95 190 29
4 110 220 33
5 80 160 24
6 110 220 33

 

  1. Páxina 2, ANTECEDENTES, PUNTO IV: “O día 25.01.2018, o Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra, notificoulle ao interesado (…)”

Resposta: A Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) non actúa en calidade de “interesado” na solicitude de inclusión dos fentos arbóreos de Oia. O exemplares de D. antarctica do regato Vilar son un elemento natural de interese cultural que merece ser conservado, sendo o conxunto da sociedade e a propia Administración os interesados en facelo. Neste caso en particular o Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio non actuou de oficio para protexer estes exemplares cando no regato Vilar se atopaban un total de 32 exemplares, os mais grades superando os 3 metros (rizoma) de altura. A inacción da propia Administración levou a que a maior parte destes exemplares desaparecen do medio natural, sendo os catro exemplares actuais o último testemuño da botica monacal que durante séculos asistiu aos veciños que habitaban na area de influencia do mosteiro da Orde do Císter de Oia.

  1. Páxina 2, ANTECEDENTES, PUNTO IV: “(…) o resultado das inspeccións de campo e o seu informe no que se conclúe que a formación obxecto da solicitude non posúe características excepcionais en relación aos elementos de xuízo mencionados no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, que a fagan merecente da súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras (…)”

Resposta: A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu artigo 52, procedeu á creación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia, no cal se incluirán aqueles exemplares ou mouteiras cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos. Así mesmo, no DOGA do martes, 17 de abril de 2007, indícase que a norma citada considera que o interese científico, estético ou monumental e ornamental dalgúns exemplares existentes en Galicia, de calquera especie botánica autóctona ou foránea, ou de agrupacións destes, aconsella que as normas protectoras se fagan extensivas a este tipo de árbores, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución. Como se indicou na solicitude inicial e no anterior recurso presentado, a importancia destes exemplares non reside nas súas dimensións, senón no seu valor cultural. Brevemente, os exemplares da especie D. antarctica vencellados á botica do mosteiro de Oia e, polas súas dimensións, levan presentes no regato Vilar dende finais do século XVIII-principios do século XIX. Por este motivo, e de acordo coa Lei 9/2001, estes exemplares deben ser incluídos no catálogo galego de árbores senlleiras para asegurar a súa conservación polos seus valores culturais, por tratarse dunha formación dunha especie foránea irrecuperable no caso da súa destrución.

  1. Páxina 2, ANTECEDENTES, PUNTO IV: “(…) á vista de que as dimensións dos exemplares non resultan sobresaíntes en relación aos exemplares coñecidos desta especie en Galicia non catalogados (…)”

No seu medio natural, a especie ten unha taxa de crecemento media de 3,3 cm/ano (Blair et al., 2017). Sen embargo, esta taxa e altamente variable (entre 0,5 e 8,8 cm/ano; Mueck et al., 1996). As condicións máis favorables para a especie, e en consecuencia as maiores taxas de crecemento, danse en áreas con maior elevación, onde as temperaturas son máis baixas (Blair et al., 2017). En altitudes máis baixas, as temperaturas altas e as condicións máis secas durante o verán afectan ás taxas de crecemento, especialmente cando se combinan con alta irradiación (Volkova et al., 2009).

O clima en Oia está caracterizado por invernos chuviosos e veráns con tendencia á aridez. As precipitacións promedio son de 1265 mm. O mes máis seco é xullo con 20 mm de precipitación e a maior cantidade de precipitación ocorre en decembro, cunha media de 171 mm (datos procedentes da estación de Castro Vicaludo, localizada no alto da serra da Groba). A vexetación que rodea aos exemplares foi alterada dende comezos-mediados do século XX e actualmente estás composta principalmente por Eucalyptus globulus suxeitos a cortas periódicas.

Cos datos aportados pola bibliografía científica e as observacións de campo propias, o crecemento da especie no regato Vilar é menor que a media sinalada para a súa área nativa de distribución. Así mesmo, como se ten indicado nas referencias consultadas (Mueck et al., 1996) e en base á historia recente no propio regato Vilar, a supervivencia dos individuos despois do lume é un evento común para esta especie. Sen embargo, a incidencia do lume retrasa o crecemento da especie como se ten observado nos propios exemplares obxecto deste recurso. De xeito semellante, é ben sabido que o crecemento dos exemplares suxeitos a coidados en zonas axardinadas é maior que aqueles baixo condicións naturais.

Dado que os exemplares presentes no regato Vilar non están suxeitos a coidados (cousa que si acontece cos outros exemplares presentes en Galicia incluídos os exemplares de D. antarctica do Pazo de Sta. Cruz de Rivadulla incluídos no catálogo), e as condicións ambientais afástanse do óptimo para a especie (veráns con tendencia á aridez), a taxa de crecemento para a especie considérase entre a media reportada pola bibliografía científica e a mínima (i.e., 0,5 a 3,3 cm/ano).

A lonxitude total do rizoma dos exemplares de maior porte presentes actualmente no regato Vilar é de 110 cm (ca. 300 cm nos exemplares xa desaparecidos). Polo tanto, tales exemplares orixináronse entre 220 a 33 anos atrás (600 e 91 anos nos exemplares xa desaparecidos). Aínda que as maiores taxas de crecemento calculadas probablemente sexan excesivas por tratarse de exemplares fora do seu rango óptimo climático e expostos as inclemencias do medio natural, incluíndo incendios e irradiación excesiva durante os ciclos de corta dos eucaliptos presentes nos terreos próximos. Deste xeito, tanto as referencias bibliográficas como o patrón de crecemento da especie suxire que tales individuos poidan alcanzar idades próximas aos 220 anos.

Por outra banda, a maior parte dos exemplares da especie D. antarctica presentes en Galicia proceden de introdución recentes e todos están baixo condicións axardinadas polo que estes non poden ser comparados coa historia e dimensións dos exemplares presentes no regato Vilar ligados á propia historia monacal de Galicia.

  1. Páxina 2, ANTECEDENTES, PUNTO IV – “(…) e son inferiores aos valores rexistrados para o único exemplar da mesma especie incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras (duns 5 metros de altura) (…)”

Como se indicou no punto anterior, os exemplares de D. antarctica presentes no Pazo de Sta. Cruz de Rivadulla atópanse baixo condicións axardinas e a súa historia non está vencellada á vida monacal de Galicia. Polo tanto, consideramos que as dimensións non poden ser comparadas por tratarse nun caso de exemplares no medio natural e no outro exemplares baixo coidados continuos, incluíndo o fornecemento de auga durante o verán que mantén a taxa de crecemento máis próxima ao óptimo para a especie >3,3 cm anuais.

  1. Páxina 2, ANTECEDENTES, PUNTO IV: “(…) e que en canto ao seu posible interese científico, estético, ornamental ou histórico, non posúe interese salientable, posto que se ben é certo que certa importancia histórica e cultural, de acordo coas observacións recollidas na solicitude de ANABAM, considérase que a importancia do conxunto abrangue unicamente o ámbito local.”

Resposta: En Europa, os maiores exemplares de D. antarctica que se coñecen teñen unha altura de entre 3,25 e 5,10 m incluíndo as frondes. Este exemplares se atopan en Rivadulla (España), Kells e Lauragh (Irlanda) e Feock (Reino Unido). Unha característica común de todos eles é que se localizan en zonas axardinada (Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, Kells bay gardens, Dereen Gardens eTrelissick Garden respectivamente). Polo tanto, os exemplares de D. antarctica que se atopan no regato Vilar de Oia son, polo de agora, os únicos en estado silvestre de toda Europa que se coñecen.

Por outra banda, o Mosteiro da Orde do Císter no Concello de Oia é o único de Europa que se atopa á beira dun océano ou mar. Isto lle confire unha historia única como o desenvolvemento de tarefas defensivas da costa (os seus monxes eran coñecidos como “monxes artilleiros”) á que se vencella a propia botica do mosteiro e as especies alí presentes durante os séculos de actividade do mosteiro. As propiedades medicinais dos fentos da especie D. antarctica son ben coñecidas, entre elas a súa efectividade como antihemorráxico.

Por todo isto, non só os fentos presentes no regato Vilar de Oia son uns exemplares únicos en Galicia, e ata o de agora en Europa, senón que a propia historia vencellada a estes fentos é en si mesma única e abrangue non só o ámbito autonómico senón comunitario.

  1. Páxina 2, ANTECEDENTES, PUNTO VI: “(…) non posúe características excepcionais en relación aos elementos de xuízo mencionados no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, que a fagan merecente da súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras, considerando: que non se aportan novos datos que modifiquen o valor local dende o punto de vista cultural.”

Resposta: Por tódolos datos aportados na primeira solicitude e no primeiro recurso e, de acordo coa Lei 9/2001, estes exemplares deben de ser incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras para asegurar a súa conservación polos seus valores culturais e por tratarse dunha formación dunha especie foránea irrecuperable no caso da súa destrución, non polas súas dimensións como se sinalou pola Administración no punto 3 deste recurso. Así mesmo, neste novo recurso, apórtanse novos datos apoiados por referencias científicas, onde a hipótese da súa orixe vencellada á vida monacal de Galicia é máis robusta pola idade estimada dos exemplares, tanto dos desaparecidos como dos que aínda sobreviven no regato Vilar de Oia.

  1. Páxina 3, ANTECEDENTES, PUNTO VI: Que a rareza ven dada por ser unha formación vexetal de especies foráneas asentadas nun medio que non é o propio e onde a potencial expansión da especie podería incluso ocasionar problemas á biodiversidade do sistema natural.”

Resposta: Como se ten indicado na solicitude inicial, neste e no anterior recurso presentado fronte a esta Administración, a rareza dos exemplares presentes no regato Vilar de Oia non ven dada por ser unicamente “unha formación vexetal de especies foráneas asentadas nun medio que non é o propio” senón por unha historia vencellada á vida monacal do Mosteiro da Orde do Císter do Concello de Oia.

Por outra banda, a protección de especies cuxa rareza ven dada por ser unha formación vexetal de especies foráneas asentadas nun medio que non é o propio e onde a potencial expansión da especie podería incluso ocasionar problemas á biodiversidade do sistema natural ten como antecedentes a declaración «Souto da Retorta» como Monumento Natural. O «Souto da Retorta» no Concello de Viveiro (provincia de Lugo), inclúe entre os seus exemplares o que probablemente sexa o eucalipto branco de maior tamaño dos cultivados no continente europeo e, non por ese motivo os exemplares están exentos de protección. Outro exemplo o constitúen os propios exemplares da especie D. antarctica incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galica.

Así mesmo, a distribución de D. antarctica está limitada a sitios protexidos de ventos quentes e con abastecemento de auga continuo (Hunt et al. 2002). A primeira reprodución da especie non acontece antes dos 10 anos e, a súa taxa de crecemento é limitada, especialmente fora do seu medio natural onde as condicións se afastan do óptimo para a especie, como é o caso do regato Vilar. Deste xeito, e de acordo coa dinámica poboacional das especies exóticas invasoras, os fentos arbóreos da especie D. antacrtica non compren as características que poidan levar a esta especie a desenvolver un potencial invasor en Galicia (e.g., elevada taxa de crecemento e reprodución temperá entre outras; Sakai et al., 2001 e numerosos exemplos de especies exóticas con potencial invasor en Galicia).

  1. Páxina 3, ANTECEDENTES, PUNTO VI – De querer conservar estes exemplares considérase máis adecuado o seu traslado ao recinto do propio mosteiro (suposto lugar de orixe) para a súa observación como especie nun medio axardinado, que a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras.”

Resposta: Como se sinala no punto anterior a rareza e excepcionalidade deste exemplares radica en que son os únicos exemplares da especie coñecidos en estado silvestre en Europa e, que a súa presenza no medio non é froito dunha introdución recente ou baixo condicións axardinadas e suxeitos a coidados. A partir da taxa de crecemento da especie no medio natural estimouse unha idade en torno aos 200 anos para estes exemplares o que apoia a hipótese da súa introdución directa no medio polos monxes do mosteiro cistercense a finais do século XVIII ou comezos do XIX. Este período coincide coas viaxes que un dos boticarios do mosteiro – Frei Manuel de Aravaca – fixo polas entón chamadas Indias Orientais, área nativa de distribución dos fentos arbóreos da especie D. antarctica, dando máis forza a hipótese anterior (información xa aportada na solicitude inicial e no anterior recurso).

Por outra banda, o Mosteiro de Oia é unha propiedade privada en mans de Kaleido, Ideas & Logistics (antes Vasco Gallega de Consignaciones, S.A.). Deste xeito, o traslado dos exemplares de D. antarctica ás dependencias do Mosteiro de Oia constituirían un espolio de elementos do medio natural que en todo caso estaría regulado pola actual Lei 21/2015, do 20 de xullo, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de Montes.

  1. Páxina 3, CONSIDERACIÓNS LEGAIS E TÉCNICAS, PUNTO I: O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo, dependente da dirección xeral competente en materia e materia de conservación da natureza, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións, de calquera especie, que sexan merecentes de medidas específicas de protección en atención as excepcionais características do seu porte, dendometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as fagan merecentes dunha especial protección”.

Resposta: Como se indica no Artigo 2º da norma que regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia e de acordo coas propias consideracións legais e técnicas indicadas na resposta da Administración ao anterior recurso, os exemplares da especie D. antarctica presentes no regato Vilar do Concello de Oia (Pontevedra) compren os requisitos legais e técnicos para a súa inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia; i.e., formación con significación histórica e cultural.

Consideracións adicional primeira

A excepcionalidade e singularidade destes fentos os converteron nun elemento turístico para o propio Concello de Oia. Feito que se pode constar a través da información aportada pola propia oficina turística da localidade.

Consideración adicional segunda

No Capítulo 2, Artigo 4º polo que se especifica o Procedemento de catalogación e descatalogación, o punto 2 indica que a iniciación do procedemento de catalogación ou descatalogación farase de oficio pola consellería ou por instancia de parte. Dende o seu descubrimento no ano 2002, ANABAM realiza un seguimento para tratar de que estes fentos non desaparezan do regato Vilar (Concello de Oia, Pontevedra). Como se amosa na imaxe adxunta (Imaxe 1) algún dos exemplares hoxe desaparecidos tiñan dimensións semellantes aos valores rexistrados para o único exemplar da mesma especie incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia. A Xunta de Galicia, a pesar de ter coñecemento dende un primeiro momento tanto da presenza como das dimensións destes exemplares (ANABAM enviaba datos á Consellería de Medio Ambiente de xeito periódico), o procedemento non foi iniciado de oficio pola Administración. A non inclusión dos exemplares no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia supuxo que esta formación non estivera suxeita a ningún tipo de protección, nin a tratamentos silvícolas e actuacións encamiñadas á súa protección, conservación e mellora. Fronte a inacción da Administración que levou de seu á desaparición dos maiores exemplares da especie presentes no regato Vilar (Concello de Oia, Pontevedra), a Asociación Naturalista “Baixo Miño” de acordo co punto 3 do artigo 4º (Capítulo 2), con data 06.11.2017, insta o inicio do devandito procedemento mediante a presentación do modelo de solicitude de inclusión acompañado da memoria xustificativa e de toda a información adicional da condición da formación de D. antarctica presente no regato Vilar (Concello de Oia, Pontevedra) como senlleira polo seu valor cultural. O Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras a través da Lei estatal 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da fauna e flora silvestres recolle de xeito explícito a obriga das administracións públicas de adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación das especies da flora e da fauna que viven en estado silvestre no territorio español. Polo tanto, ANABAM amparada pola Lei estatal 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (citada no Decreto 67/2007 como Lei 30/1992) esixe a responsabilidade da administración pública e das autoridades competentes de tomar as medidas oportunas para a protección dos fentos arbóreos da especie D. antarctica presentes no Regato Vilar do Concello de Oia (Pontevedra), e a súa inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia.

Referencias citadas

Blair, D. P., Blanchard, W., Banks, S. C., & Lindenmayer, D. B. (2017). Non-linear growth in tree ferns, Dicksonia antarctica and Cyathea australis. PloS one, 12(5), e0176908.

Hunt, M. A., Davidson, N. J., Unwin, G. L, & Close, D. C. (2002). Ecophysiology of the Soft Tree Fern, Dicksonia antarctica Labill. Austral Ecology 27 (4): 360-368.

Mueck, S. G., Ough, K., & Banks, J. C. (1996). How old are wet forest understories?. Austral Ecology, 21(3), 345-348.

Sakai, A. K., Allendorf, F. W., Holt, J. S., Lodge, D. M., Molofsky, J., With, K. A., … & McCauley, D. E. (2001). The population biology of invasive species. Annual review of ecology and systematics, 32(1), 305-332.

Volkova L, Tausz M, Bennett LT, Dreyer E. Interactive effects of high irradiance and moderate heat on photosynthesis, pigments, and tocopherol in the tree-fern Dicksonia antarctica. Functional Plant Biology.2009; 36(12):1046±56.

 

Advertisements

PAZO DE SANTA CRUZ DE RIVADULLA

Dicksonia antarctica no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia

IMGP1348

O martes, 17 de abril de 2007 sae publicado no Diario Oficial de Galicia o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia, no cal se incluirán aqueles exemplares ou mouteiras cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, didácticos, estéticos ou paisaxísticos.

IMGP1339

Doutra banda, esa norma galega considera que o interese científico, estético ou monumental e ornamental dalgúns exemplares existentes en Galicia, de calquera especie botánica autóctona ou foránea, ou de agrupacións destes, aconsella que as normas protectoras se fagan extensivas a este tipo de árbores, xa que constitúen un patrimonio cultural valioso, de interese público, e irrecuperable no caso da súa destrución.

IMGP1432

O 3 de outubro de 2011 se actualiza o Catálogo galego de árbores senlleiras incluíndo aos exemplares de Dicksonia antarctica do Pazo  de Santa Cruz de Rivadulla no anexo I (Árbores senlleiras) do Catálogo galego de árbores senlleiras.

A historia do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla remóntase ao século XVI. Desde un primeiro momento os terreos dividíronse en zonas destinadas a edificacións, cultivos e xardíns. Estes últimos adquiriron especial relevancia a partir do século XIX ao incrementar a colección de camelias.

IMGP1484IMGP1463

Ligazón á páxina do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla con información historica e horarios de visita:

http://www.pazoderivadulla.com/

PDF – Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia (DOGA):

Decreto_67_2007_Catalogo_galego_arbores_senlleiras

 

DICKSONIA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Distintas especies do xénero Dicksonia forman parte dos espazos axardinados da capital galega, dende a Alameda da cidade, cuxa historia se remonta ao século XIX, onde poden contabilizarse ata seis exemplares do de Dicksonia cun porte que vai de un a tres metros de altura, ata os xardíns da Praza de Galicia remodelados no 2014, incorporando exemplares de Dicksonia squarrosa á flora das partes axardinadas.

IMG_0320

 Dicksonia sp. na alameda de Santiago de Compostela coa Catedral da cidade ao fondo.

IMG_0321

 Exemplares de Dicksonia squarrosa  na Praza de Galicia de Santiago de Compostela.

IMG_0306

Dicksonia na Rúa Santo Domingo da Calzada nas inmediacións da Praza Roxa en Santiago de Compostela.

SINTRA (LISBOA) ALBERGA UNHA MAGNÍFICA COLECCIÓN DE FENTOS ARBÓREOS

Sintra foi, ao parecer, oprimeiro lugar de Europa onde se plantaron fentos arbóreos procedentes de Australia e Tasmania, segundo aparece na rede, alá polo século XIX, cando se empezaron a poñer de moda estas plantas en certos xardíns señoriais.

 Tivemos a oportunidade de ver algúns destes fentos.  Xa viramos outros tamén de sona, os de Busaco, hai uns anos.

O que observamos en Sintra, foi unha ínfima parte, o tempo non deu para visitar a zona máis espectacular dos fentos, que vai quedar para outra ocasión, pero foi suficiente para que nos dera aínda máis folgos para seguir traballando na protección e conservación dos FENTOS ARBÓREOS de Oia, ou do que queda deles.

Nada máis entrar no Palácio da Pena, xa quedamos abraidados polos primeiros fentos arbóreos e, claro, non podiamos deixar de pensar nos de Oia. Na xardín que aparece na zona central da fotografía, varios fentos arbóreos e, entre os contrafortes do Palácio, tamén poden verse algúns.

Magníficos exemplares de fentos arbóreos no xardín citado anteriormente, á entrada do Palácio. Cando foron descubertos os de Oia, no ano 2002, os maiores exemplares non acadaban a altura destes, pero tiñan, dende o noso punto de vista, un maior valor, xa que se trataban de exemplares silvestres, posiblemente os únicos do continente europeo e, posiblemente, cunha orixe máis vella que os de Sintra, xa que consideramos que esa orixe habería que buscala nos antigos moradores do Mosteiro Cisterciense de Oia.

En calquera caso, traemos aquí estes apuntes para que, entre todos, poidamos apreciar, protexer e conservar o patrimonio que temos na nosa comarca, un patrimonio que nos gustaría podese ser reivindicado e posto en valor, non só polos naturalistas de ANABAM, senón pola poboación en xeral.

Artigo orixinal: http://www.anabam.org/FENTOS%20ARBOREOS.html

Autor: Agustín Ferreira Lorenzo

Data: 30 de xaneiro de 2013

RECUPERACIÓN DUNHA POBOACIÓN SILVESTRE DO FENTO ARBÓREO DICKSONIA ANTARCTICA NO SUR DE PONTEVEDRA (GALICIA)

dicksonia_planPLAN_ DE_ RECUPERACIÓN_DO_FENTO_ARBOREO_DICKSONIA_ANTARCTICA_NO_BAIXO_MIÑO_NOE_FERREIRA_ANABAM

CONSULTA ISSUU: http://issuu.com/anabam/docs/plan_de_recuperaci_n_do_fento_arb_reo__dicksonia_a